Monday 01 de July de 2024

Toma posesión o novo director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a toma de posesión do novo director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez, que substitúe no cargo a Santiago Villanueva.

Luis Menor é Licenciado en Dereito e diplomado en estudios avanzados na especialidade de Dereito Penal e Criminoloxía, así coma Diplomado en Educación. Máster en xestión e dirección de Recursos Humanos e Técnico Superior de Riscos Laborais. Na actualidade, desempeñaba o cargo de secretario territorial da Xunta en Ourense, onde anteriormente foi xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A Dirección Xeral que agora asume exerce as competencias que lle corresponden á Xunta, relativas ás materias de atención de emerxencias e protección civil, interior e seguridade. Así, a este departamento correspóndelle a planificación e dirección da xestión de riscos, a participación nos programas dos servizos contra incendios e salvamento locais, a xestión da Policía Autonómica, a cooperación coas forzas e corpos de seguridade e as competencias en materia de casinos, xogos, apostas e espectáculos públicos, entre outros asuntos.

Durante a toma de posesión o novo director estivo acompañado polos seus antigos compañeiros de Delegación Territorial da Xunta en Ourense -encabezados polo seu delegado, Rogelio Martínez-; así como polo xerente da Axega, Juan José Muñoz; o comisario da Policía Autonómica, Jose Antonio Álvarez Villar; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e todo o equipo directivo da Vicepresidencia.